Saturday 20 de April de 2024

A Secretaría Xeral para o Deporte participará nas obras para infraestruturas deportivas da provincia da Coruña que alcanzarán un investimento total de 626.000 euros en 2019


A achega da Secretaría Xeral para o Deporte nestas obras será de ao redor de medio millón de euros
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá os concellos coruñeses de Padrón, Boiro e Ordes para visitar algunhas das infraestruturas que serán obxecto de reforma ao longo deste 2019. En total, a provincia da Coruña verase beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

No caso da vila padronesa, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo alcalde, Antonio Fernández, visitou a piscina municipal que neste 2019 será reformada a través de actuacións que mellorarán as instalacións por un importe total de 69.803 euros achegados integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte. Alí, o máximo responsable do Deporte galego destacou as grandes figuras individuais e colectivas de Padrón na competición deportiva e subliñou a importancia da práctica da actividade física en todas as franxas de idade, algo que puido constatar nas instalacións municipais utilizadas por homes e mulleres da terceira idade.

En Boiro, o secretario xeral foi recibido polo alcalde, Juan José Dieste, para anunciar a reforma e mellora do ximnasio da piscina municipal que terá un investimento de 60.000 euros da Xunta de Galicia para un custo total de 81.000 euros. Lete Lasa destacou que esta ampliación do ximnasio tanto na súa cara norte como na sur, contará con material de última xeración para acadar un ximnasio “moderno e adaptado” e responderá ás necesidades do concello. O convenio asinarase nas vindeiras datas e as obras terán unha duración aproximada de seis semanas.

Por último, o responsable da carteira autonómica de Deporte, acompañado polo alcalde José Luis Martínez visitou o complexo deportivo de Vista Alegre, en Ordes onde a Secretaría Xeral para o Deporte investiu 50.000 euros en 2016 para a construción de novos vestiarios e almacén. Desta volta, o secretario xeral anunciou que se executará unha gaiola de lanzamentos e ademais, comprometeuse a levar a cabo unha zona de lanzamento de xavelina composta por pasillo, arco e sector de caída. Coa zona de lanzamento de xavelina incluída, o complexo deportivo de Vista Alegre sería o primeiro en Galicia onde se poidan realizar simultaneamente lanzamentos longos de xavelina e de gaiola.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 4.184.217 euros -un 47% máis que o destinado inicialmente en 2018-.